21/11/15

Santa Icía, Patrona dos Músicos

O domingo, 22 de novembro, é o Día de Santa Icía (Santa Cecilia), patrona dos músicos e como cada ano a Banda Municipal de Música de Viveiro fai un concerto extraordinario no Teatro Pastor Díaz, tal e como queda recollido no seguinte artículo de LA VOZ DE GALICIA.



A BANDA DE MÚSICA DE VIVEIRO  nace a partir da Banda de Exploradores, fundada no ano 1918 por D. Juan Latorre Capón, aínda que existen datos que aseguran que xa a finais do século XIX existía na vila unha agrupación similar. Ben é certo que dita Banda de Exploradores é a primeira formación consolidada que se instaura en Viveiro. Poucos anos máis tarde o Concello faise cargo da mesma asumindo os gastos que conleva a Escola de Música. Sucedéronlle a D. Juan Latorre dous directores de recoñecido prestixio no ámbito musical galego, que foron D. Higinio Cambeses, gran propulsor das Bandas Populares, e D. Jesús Pérez Rivas, musicólogo viveirense e fundador do Corpo de directores de Banda. En 1944, trala marcha deste último e durante trece anos, houbo actuacións esporádicas da Banda, baixo a dirección de D. Ramón Amor García. En 1957, iniciase unha segunda etapa desta agrupación que se mantén sen interrupción ata o día de hoxe. O seu director foi D. Alfonso Mariño Parapar, que abandoa a formación para perfeccionalos seus estudios durante dous anos, nos que se fai cargo da dirección D. Antonio Amigo, volvendo o primeiro en 1959 e manténdose ao cargo da mesma ata 1992, ano da súa xubilación. É substituido en breve período de tempo por D. Carlos Méndez. En 1993 faise cargo da dirección D. Francisco Javier Vidal Suárez ata o ano 2005. De 2006 ata 2015 faise cargo da banda D. Delio Represas Carrera. Entre os datos que merecen unha mención especial hai que destacar que a Banda de Viveiro foi a primeira de Galicia en incorporar mulleres á súa configuración e a pioneira das Bandas Xuveniles, a partir do ano 1973, tales circunstancias serviron de inspiración para a constitución doutras Bandas de similares características. Actualmente, dende Xullo de 2015 asume a dirección da agrupación D. Carlos Timiraos Timiraos. Pais, nais, fillos e fillas conforman esta agrupación dando conta do grande espírito familiar que a fan posible e do arraigo có que conta no pobo de Viveiro.